34 empresas buscan no Foro Tecnolóxico de Emprego o talento do alumnado da UVigo
xoves, 2 de marzo do 2023
Esta
primeira semana de marzo de 2023 (de martes a xoves) celébrase
no Campus de Vigo unha nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego,
no que participan as tres escolas de enxeñaría con sede na cidade.
Este evento, organizado “por e para o propio alumnado”, acada a
súa 23 edición converténdose “nun clásico do calendario
universitario”, en palabras UVigo, que puxo o foco unha vez máis
no principal cometido da cita: tender pontes entre o mundo académico
e o laboral. En total, 34 empresas e institucións están implicadas
a través de postos informativos instalados no recibidor da EE de
Minas e Enerxía.
Estes
espazos de seu establecen un diálogo directo do alumnado, que pode
coñecer as necesidades e demandas do tecido empresarial, entregar os
seus currículos e axilizar unha posible contratación. De xeito
paralelo, tanto a EE Industrial, como a de Minas e Enerxía e a de
Telecomunicación acollen conferencias e presentacións técnicas
sobre temas de interese escollidos polo alumnado a través de
enquisas previas, e tamén obradoiros para mostrar e potenciar as
súas aptitudes e desenvolver as súas competencias.
A
primeira xornada do foro arrancou con presentacións de empresas como
Indra, GBTEC Software, Accenture, Seresco e Borgwarner que deron paso
ao acto oficial de inauguración, no que participaron o vicerreitor
de Planificación e Sustentabilidade da Universidade de Vigo, José
Luis Míguez, xunto con David Regades, delegado do Estado na Zona
Franca; as concelleiras Elena Espinosa e Ana Mejías; Elena Alonso,
directora da EE de Minas e Enerxía; Mohamed Boutinguiza, subdirector
da EE Industrial; e Rebeca Díaz, directora da EE de
Telecomunicación.
O
vicerreitor José Luis Míguez trasladou a felicitación da
Universidade a todo o equipo organizador, representado no acto pola
coordinadora, María Purriños, e a “todas as mulleres que gañan
peso neste evento” edición tras edición. Tanto o vicerreitor como
David Regades e Elena Espinosa, que interveu en representación do
Concello, coincidiron en salientar a importancia da interrelación
entre o público e o privado, entre as empresas e as administracións
públicas, “unha cooperación que se plasma tanto neste foro como
noutras iniciativas nas que a UVigo participa xunto coa Zona Franca e
o tecido empresarial, como o a futura fábrica de semicondutores
fotónicos ou o primeiro proxecto de hidróxeno en Galicia”.
Detrás
deste evento hai un grupo de algo máis de 20 estudantes das tres
escolas de enxeñaría do campus vigués que, ao longo dos últimos
meses, traballou arreo para converter o programa nunha realidade.
Entre
as principais novidades desta edición está a posibilidade de subir
os currículos á plataforma Beamian, unha opción que se retoma da
edición de 2020, ou a presenza dun posto informativo da Área de
Emprego, no que o alumnado pode revisar os seus CV e facer melloras
antes de envialos e onde tamén hai un fotógrafo para que aqueles
que o desexen poidan tomar unha foto profesional para os seus perfís
de Linkedin ou para os currículos. Por outra banda, para incentivar
a participación do alumnado nas actividades do foro, tamén se
realizan sorteos, que inclúen dende un iPad ata patinetes
eléctricos.
