O Demo Day Explorer do Campus de Lugo entrega os premios da edición 2026
mércores, 10 de xuño do 2026

- Os premiados e premiadas do Demo Day Explorer 2026
O Edificio Cactus do Campus de Lugo (USC) acolleu onte a gala de entrega dos premios do Demo Day Explorer 2026. O primeiro premio foi para Discerna, un proxecto de Brais Vázquez Seijas, estudante no mestrado en Formación de Profesorado, que nace para conectar os centros formativos coas empresas durante as prácticas. Trátase dunha plataforma dixital que centraliza o rexistro, a validación e o seguimento para que o proceso sexa máis doado de xestionar.
O segundo premio recaeu en MuControl, de Nerea Torres Tobío, egresada da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, e David Pena Botana, gandeiro e técnico en electromecánica. Esta iniciativa revoluciona o vacún de carne cunha aplicación que maximiza a rendibilidade gandeira. A plataforma transforma a xestión tradicional mediante alertas personalizadas e un control absoluto de custos, ciclos produtivos e xenética.
O terceiro premio foi para Corata, unha plataforma intelixente de talento que transforma sinais psicosociais en información e sistemas de decisión máis precisos para a identificación, formación e encaixe profesional entre persoas e organización, para que estas decisión sexan máis inclusivas e útiles para ambas partes. A idea é de África Méndez Perera, egresada da Facultade de Psicoloxía da USC, xunto ao enxeñeiro de software, Sergio Dacal.
Indo ao acto de entrega de premios, sinalar que estivo presidido pola directora do Campus Terra, Marta Miranda, e contou coa participación do director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, José Luis Villaverde. Tamén asistiron: Belén Liste, subdirectora Xeral de Emprego na Xunta de Galicia; Norman Veiga, técnico de Emprendemento no Concello de Lugo; Visitación Pérez, directora da Oficina Universitaria do Banco Santander; Alfonso Aller, director de Zona de Lugo do Banco Santader; Daniela Patrón, técnica de proxectos na Lug Open Factory e Elio López, CEO de Innogando S.L.
E falando de propostas innovadoras, o programa Santander X Explorer é un programa de emprendemento promovido polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) do Banco Santander en colaboración coa USC e coa financiación da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e que conta na USC con dous centros, un deles o Explorer USC Lugo Space.
O programa vai dirixido a aquelas persoas que teñan unha idea de negocio innovadora e queiran traballar nela para transformala nun proxecto de emprendemento. Para isto e durante doce semanas, as persoas participantes reciben por parte de especialistas formación en liña e presencial en diversas temáticas relacionadas co emprendemento, aplicando a metodoloxía learning by doing, a validación das ideas de negocio e o desenvolvemento de habilidades necesarias para transformas os seus proxectos en solucións viables e sostibles. Alén da formación, as persoas participantes reciben titorías que lles axudan a desenvolver a súa idea.
O Explorer USC Lugo Space foi valorado en 2025 como o terceiro centro a nivel internacional e o primeiro a nivel estatal, en 2026 o centro acadou a 5ª posición internacional e a 3ª estatal. Dos quince proxectos que se iniciaron no centro, un total de once chegaron á final.

- Foto dos participantes do Explorer USC Lugo Space
