71 novos concellos galegos disporán da 5G de Vodafone antes do remate do ano

luns, 19 de febreiro do 2024 S. P.

Vodafone España achegou as súas previsións a curto prazo para estender a cobertura de tecnoloxía 5G, que chegará antes de que remate o ano a 71 concellos galegos. A nivel xenérico, o obxectivo da empresa é chegar ao 82% da poboación do país e a un total de 2.700 municipios ao remate de 2024, superando, segundo fai saber a operadora no balance, “as obrigas de despregadura comprometidas en materia de 5G de 700MHz”, frecuencia que a compañía emprega “para mellorar a cobertura en interiores de edificios, proporcionando gran dispoñibilidade de largo de banda e de transmisión de datos”.
Isto, engade, “supón unha enorme vantaxe en contornas rurais e pequenas localidades”. De feito, apunta Vodafone, “a 5G permite descargar contidos 5 veces máis rápido que coa rede 4G e gozar de mellor cobertura e servizo en interiores, así como de menor latencia para acceder aos contidos, proporcionando un servizo 5G diferencial para reducir a fenda rural e impulsar a transformación dixital das empresas”.
Volvendo ás cifras do informe, a previsión da compañía é despregar 5G en 147 poboacións de menos de 1.000 habitantes e en 553 poboacións de entre 1.000 e 50.000 habitantes.
Ademais, Vodafone incrementou os emprazamentos da súa rede NB-IoT (Banda Estreita da internet das Cousas), que na actualidade chega a todas as capitais de provincia e aos seus arredores, con máis de 16.886 emprazamentos de rede actualizados con esta tecnoloxía. Esta despregadura en infraestruturas de rede permitiulle chegar ás máis de 6,57 millóns de liñas IoT activas ao 31 de decembro de 2023, un incremento do 34% respecto ao exercicio anterior.
Julia Velasco, directora de Rede de Vodafone España, comentou: “Co propósito de continuar facilitando a inclusión dixital de empresas, cidadáns e administracións, a rede 5G de Vodafone alcanzará ao 82% da poboación total no noso país e 2.700 municipios situados en grandes e pequenas cidades, así como zonas rurais. O noso obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar conectividade a todos, incluíndo aqueles que máis o necesitan.”
No que se refire a Galicia, 71 novos municipios dispoñerán de 5G. Entre eles, a maioría serán poboacións rurais de menos de 5.000 habitantes como Corcubión, A Gudiña ou Castrelo de Miño; ou localidades de máis de 10.000 como Ames, Sarria ou A Estrada.
Vodafone tamén afianza a súa despregadura en 4G, xa que o 99,62% da poboación española está cuberta con esta tecnoloxía e durante o exercicio fiscal 2022-23 puxéronse en servizo máis de 1.100 novos emprazamentos 4G na banda de 800MHz. Ademais, segue evolucionando sobre 4G con tecnoloxías xa absolutamente integradas na súa rede, como 4G (LTE-A), que chega xa a 2.739 municipios, e VoLTE, que supera xa o 50% dos minutos de voz.

PUBLICIDADE