Entregados os VI Premios Stephen Hawking, auspiciados pola investigadora do CITIC Amparo Alonso

venres, 19 de abril do 2024 S. P.

Este serán entregáronse no IES Rosalía de Castro de Santiago os Premios Stephen Hawking, sexta edición, destinados a reivindicar o talento investigador da nosa rapazada do bacharelato. O xurado do certame, que contou co patrocinio de FEIRACO, outorgou o primeiro premio, dotado con 1.500 €, a Daniela Montoto Pereira, Leyla Villar Abella e Anxo Vázquez Manzano, do IES Blanco Amor de Ourense, polo seu traballo Demostración e descubrimento automático de teoremas xeométricos mediante bases de Gröbner, coordinado por Carlos Ferreiro García.
O xurado estivo presidido pola catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) Amparo Alonso.
Os galardóns foron entregados este venres 19 de abril no salón de actos do instituto compostelán, nun acto que incluíu unha conferencia da propia Amparo Alonso Betanzos e un cóctel con produtos de FEIRACO, no que participou a directora de Marketing e Comunicación de CLUN (FEIRACO), Jessica Rey.
O VI Premio Stephen Hawking de Xoves Investigadores, coordinado por Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), foi convocado polo IES Rosalía de Castro e conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, FEIRACO, FINSA e Tenreira Galega.
Premiados
O xurado concedeu catro segundos premios aos traballos: Estudo do crecemento e supervivencia de larvas cunha dieta de polipropileno, de Irene Lazzari Otero do IES Rosalía de Castro (coordinado por Sandra Vázquez Dorado); Simulación computacional da interacción da magainina con modelos simplificados de membranas bacterianas e de mamíferos sans, de Mikel Escobar Díaz, Álvaro Francos Martínez e Unai Peral Fernández do IES Brión (coordinado por Virginia Rodríguez Álvarez); Aproximación á determinación dun índice para a comparación da cantidade de ácido ascórbico e da pegada de carbono en zume de diferentes tipos de kiwis, de Antía Toinmil Estévez do IES Rosalía de Castro (coordinado por Jesús Fidalgo Fernández); e Estudo da presenza de microplásticos na costa valmiñorana, de Ariane Antequera González e Eva Leyenda de Arriba, o IES Val Miñor de Nigrán (coordinado por César Rodríguez López).
Así mesmo, concedeu dez terceiros premios a alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago (3), Do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago (2), do IES Eusebio da Guarda da Coruña (2), do IES Ramiro de Maeztu de Madrid, do IES Castilla de Soria e do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.
En total presentáronse este venres 54 traballos de estudantes de once institutos: nove galegos, un de Soria e outro de Madrid. Os traballos xiraban en torno a dous eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á Intelixencia Artificial; e a lenda desta edición: Intelixencias. A bioloxía e xeoloxía foron os eidos con meirande peso, pero tamén houbo representación en física e química, matemáticas, no ámbito tecnolóxico coa presenza da robótica, das ciencias sociais ou de índole artística.
Os centros que tomaron parte nestes VI Premios Stephen Hawking foron: IES Arcebispo Xelmírez II e IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Brión (Brión, A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Lucus Augusti e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Blanco Amor (Ourense), IES Xermán Ancochea Quevedo (Póboa de Trives, Ourense), IES Val Miñor (Nigrán, Pontevedra), IES Castilla (Soria) e IES Ramiro de Maeztu (Madrid).