8 dos 10 móbiles máis vendidos de 2022 son de Apple

martes, 7 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Que o iPhone é un smartphone que ten moi boas vendas a nivel global non é ningunha sorpresa, pero os datos de Counterpoint Research salientan un fito histórico para a compañía da mazá, xa que 8 dos 10 móbiles máis vendidos mundialmente durante 2022 son de Apple, correspondendo os 2 dispositivos restantes a móbiles de baixa gama de Samsung (o Galaxy A13 e o Galaxy A03).
Segundo estes datos o iPhone 13 sería o móbil máis vendido o ano pasado, co 5% das vendas mundiais e o 28% das vendas de iPhone, e vendería preto do dobre de unidades que o segundo móbil máis vendido, o iPhone 13 Pro Max (co 2,8% das vendas).
O resto de móbiles dos 10 máis vendidos non superarían o 2%, polo que podemos entender que realmente o que acontece con este tipo de listaxe é que nun mercado tan atomizado non ten moito sentido, e Apple coparía as vendas porque Apple lanza como moito 5 modelos de teléfono no mesmo ano, mentres que o resto de fabricantes lanzan moitísimos máis (a propia Samsung xa ten máis modelos só entre os dispositivos de alta gama, que non serían precisamente os máis vendidos).
Temos así que realmente este Top 10 serve basicamente para coñecer a demanda que teñen os distintos modelos de iPhone, o que resulta bastante interesante xa que Apple non detalla publicamente as vendas dos seus distintos modelos.
Por exemplo, os datos de Counterpoint confirmarían o fracaso do iPhone 14 Plus, que non chega a coarse na listaxe, e sitúa o iPhone 14 Pro Max nunha prominente 3ª posición co 1,7% das vendas, o que ten moito mérito se temos en conta que estamos ante un móbil que saíu á venda en setembro. De aí podemos deducir que cando sae un iPhone novo, o modelo de máis alta gama é o que domina amplamente en vendas, pero segundo avanzan os meses os modelos máis económicos mudan a situación.
Precisamente o feito de que o iPhone 12 (co 1,5% das vendas) e do iPhone SE 2022 (co 1,1% das vendas) estean nos postos 6 e 9 de vendas deixan claro que hai un importante número de usuarios que cando renovan o seu smartphone simplemente queren un iPhone, e confórmanse con móbiles que non estean á última en prestacións, pero seguen a manter un desempeño óptimo co sistema operativo e as súas aplicacións.

Táboa cos 10 smartphones máis vendidos en 2022