A investigadora da USC Almudena Alonso Ferreiro vén de resultar distinguida co I Premio á Mellor Tese Doutoral no ámbito da Tecnoloxía Educativa outorgado pola Rede Universitaria de Tecnoloxía Educativa (RUTE), asociación académica sen ánimo de lucro constituída por docentes e investigadores universitarios interesada en promover as aplicacións educativas das TIC. O motivo? Pois a súa tese de doutoramento desenvolvida baixo o epígrafe Competencia dixital e escola. Estudo de caso etnográfico en dous CEIP de Galiza. O traballo de investigación, dirixido por Adriana Gewerc, do Grupo de Investigación Stellae, dirixiuse a describir, coñecer e comprender os procesos de apropiación que se producen nos centros educativos da nosa terra a raíz das disposicións legais do currículo da educación primaria (Decreto 130/2007), especialmente aquelas referidas á competencia dixital.
Na súa investigación Almudena Alonso atopou elementos con capacidade para marcar un antes e un despois educativo e que mobilizan aos actores escolares, “favorecendo o cuestionamento sobre a propia práctica, aínda que sen chegar a xerar una transformación da mesma”.
Segundo informa a Universidade de Santiago, o traballo supón “un marco de reflexión en torno á competencia dixital na escola, cunha revisión actualizada dos retos a nivel macro, meso e micro na integración das tecnoloxías dixitais nos centros educativos”. A xa doutora reclama e expón nel unha proposta de regulación “que ampara e dignifica o traballo do coordinador TIC no sistema educativo galego e que supón un punto de encontro entre teoría e práctica”.
O premio entregouse a pasada semana na Universidade de Burgos coincidindo co XXV Aniversario das Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE).
Un traballo da USC, premiado pola rede de investigadores TIC universitarios
Compartir Este Artigo


