A nova edición de Ben Empregado máis social, a cuarta, tamén terá (como as anteriores convocatorias) vertente TIC. Máis polo miúdo, a través de oportunidades laborais para profesionais técnicos en informática ou xestores de comunidades en liña, expertos en redes sociais. Así se especifica hoxe no Boletín Oficial da Provincia, que publicou os 201 novos postos de traballo para lucenses no paro, en todos os sectores, ao abeiro do programa Ben Empregado impulsado pola Deputación de Lugo. Esta iniciativa materializarase (novamente) a través da concesión de axudas a autónomos, PEME e colectivos sociais. A contía total de apoios é de 2,4 millóns de euros. O BOP tamén recolle hoxe a listaxe completa de entidades e asociacións que resultaron beneficiadas de ditas subvencións.
Con ditos fondos, o Executivo provincial financia durante un ano os custos laborais dos novos traballadores (que serán todos lucenses a día de hoxe en situación de desemprego) que demandan e requiren entidades e asociacións da provincia para poder reforzar a súa actividade. Faino en diferentes porcentaxes, atendendo ao nivel de compromiso social dentro da súa aposta por unha Deputación social e coas persoas. En total, financiaranse ao cen por cen os custes laborais 60 lucenses con capacidades diversas ou en risco de exclusión social. Por outra banda, cubriranse ao 50% os custes doutros 141 veciños, actualmente desempregados, que comezarán a traballar en negocios na provincia de empresarios lucenses.
Na listaxe de postos de traballo a impulsar figuran os seguintes, entre outros moitos: técnico consultor enerxético, condutor de maquinaria, creativo audiovisual, técnico agrícola, técnico superior en administración de sistemas informáticos, axente de viaxe e administración, educador, responsable de atención ao cliente, enxeñeiro técnico de obra pública, licenciado en ciencias químicas, técnico de emprendemento, técnico informático, técnico de atención á terceira idade, técnico superior en procesos de calidade na industria alimentaria, informador cultural, etc.
As profesións dixitais, presentes na nova edición de Ben Empregado da Deputación de Lugo
Compartir Este Artigo

