
Dende outras beiras acoden tamén os nosos centros tecnolóxicos e unha manchea de estudantes, cada un/unha con cadanseu currículo no cartafol. As JAI celébranse en Vigo (Escola de Enxeñaría Industrial) entre o 12 e o 16 de marzo e veñen da man do profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática (Universidade de Vigo), José Ignacio Armesto.
Entre as grandes novidades deste ano, amais das devanditas, atópase o fornecemento dun espazo específico para demostracións de proxectos innovadores, no que os centros tecnolóxicos galegos exporán os seus deseños. A previsión, segundo lembrou estes días o profesor Armesto, é superar o milleiro de asistentes da anterior edición.
Entre os grandes obxectivos do evento figura novamente o de marcar diferenzas con respecto a outros eventos tecnolóxicos, apostando de cheo por estreitar o contacto entre empresas e mocidade. Búscase, polo tanto, que estudantes, fabricantes e usuarios profesionais poidan interactuar nun contexto tecnolóxico e universitario.
O programa, que abrangue máis de 35 horas de presentacións técnicas e relatorios, abordará temas como robótica colaborativa e sensitiva, robótica móbil, seguridade industrial, análise de datos, ciberseguridade, IoT (Internet das Cousas), xemelgo dixital, mecatrónica, información a gran escala (Big Data), intelixencia artificial, comunicacións sen fíos ou eficiencia enerxética. Para isto, contarase con preto de 50 relatores procedentes de diferentes cidades e países, que presentarán as principais novidades e tendencias do sector.
Participarán vellas coñecidas das JAI como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR.
Por outra banda, no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo, entre as que se contan as devanditas PSA Peugeot Citroën (que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa), Repsol (que mostrará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña) e Navantia (que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos). Tamén participarán nos relatorios representantes de centros tecnolóxicos como CTAG, Gradiant ou Aimen, visualizando as súas iniciativas de innovación e desenvolvemento vencelladas aos ditos eidos e procesos industriais.
As xornadas poderán seguirse tanto de xeito virtual como presencial, neste último caso o prazo de inscrición remata o 12 de febreiro.

