O Concello de Sanxenxo vén de anunciar que está a preparar unha nova web municipal, máis dinámica cá actual, máis adaptada ás necesidades actuais de usabilidade e, sobre todo, con versión en galego á que poidamos acceder por defecto. Segundo lembra o Goberno local, o sitio actual foi creado en 2007 co obxectivo de afianzar a comunicación coa cidadanía e, tamén, como canle de promoción turística. Porén, o Concello recoñece que é precisa unha renovación, entre outros motivos porque a información “só está en castelán e non permite a publicación de determinados contidos debido á súa antigüidade”. A nova páxina web, engade o Goberno local, será “máis accesible, máis clara e de doado manexo”. Ademais, será plenamente operativa no que se refire á publicación dos contidos en varios idiomas.
Ao tempo que se avanzaron estes detalles sobre o vindeiro espazo web de Sanxenxo, o Executivo que preside Telmo Martín achegou un balance sobre a actividade xerada en 2017 pola páxina aínda vixente, accesible en www.sanxenxo.es. Segundo fixo saber, a web foi quen de pechar ano con máis de 600.000 visitas, o que representa unha cifra histórica no que se refire a seguimento do sitio en liña e que mostra ás claras o importante potencial de Sanxenxo como canle de promoción turística de seu e, tamén, da nosa terra.
Asemade, o Concello informou que se conseguiron máis de 51.000 visitas mensuais. O mes máis salientable foi agosto, cun total de 85.540 accesos, seguido de xullo con 81.390. Os meses de menor afluencia foron xaneiro e febreiro, que roldaron as 30.000 visitas. Os portais máis visitados da web municipal foron a sección de novas, o apartado de descargas, os anuncios e o formulario de contacto. O arquivo máis descargado durante o ano 2017 foi o boletín de emprego, que se publica cada 15 días.
Polo que atinxe á forma de acceso máis usada, foi o buscador de Google en computador, seguido das visitas directas desde smartphones. Por orde de acceso, durante 2017 recibíronse visitas de numerosos países entre os que destacan España, Portugal, Alemaña, Rusia, Francia, Suecia, Italia ou China.
Sanxenxo prepara nova páxina web, máis dinámica e operativa en galego
Compartir Este Artigo

