Este 19 de xaneiro entregáronse en Lugo os premios da sétima edición do Concurso Lucus Intercentros do IES Muralla Romana. No acto, unha xornada lúdica e formativa organizada polos estudantes de Asistencia á Dirección do dito centro lucense, participou o responsable de Deportes e Mocidade na Deputación de Lugo, Pablo Rivera. O certame foi retransmitido en directo con tecnoloxía streaming polos estudantes da Fundación TIC (Deputación de Lugo), que editarán un DVD co material gravado co fin de contribuír á difusión da actividade.
A xornada, como dixemos, está organizada polos alumnos de Administración e Xestión do IES Muralla Romana, coa axuda da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS, Fundación TIC), da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e o departamento de Informática do CIFP Politécnico de Lugo.
A sétima edición do certame reuniu a alumnos e profesores dos institutos de Educación Secundaria públicos de Lugo: Anxel Fole, Lucus Augusti, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Xoan Montes, Leiras Pulpeiro, San Xillao e Muralla Romana. Ao longo da mañá disputáronse distintas probas eliminatorias ás que se enfrontaron os equipos participantes. Os alumnos sometéronse en cada unha delas a dez preguntas tipo test elaboradas por profesores das distintas áreas do instituto anfitrión.
Retransmisión en streaming
Dez alumnos e alumnas de segundo curso de Realización Audiovisual da Escola da Fundación TIC, baixo a supervisión dun docente, encargáronse da transmisión en streaming. Os estudantes rotaron entre os postos de realizador, mesturador, son e cámara. Estre traballo rotativo tivo o obxectivo de permitir que todas e todos tiveran as mesmas oportunidades de aprendizaxe. A de hoxe foi a primeira experiencia cunha práctica fóra das instalacións da Escola este ano. Segundo informa a Deputación de Lugo, repetirase esta oportunidade no Campionato Internacional de Baristas que se celebra dentro dun mes no Concello de Foz.
O Concurso Lucus Intercentros retransmitiuse en streaming grazas ao alumnado da Fundación TIC
Compartir Este Artigo

