
Na sinatura do acordo, celebrada no Pazo de San Marcos, o presidente subliñou que “este convenio enmárcase na nosa aposta por unha educación pública de calidade; por ofrecer facilidades de acceso á mesma, contribuíndo á igualdade de oportunidades dende unha administración como a Deputación de Lugo que aínda non ter as competencias directas en Educación, pois estas son da Xunta, defende que os fondos públicos deben ser para potenciar o público e o Estado do Benestar; e por fomentar o Campus de Lugo”.
Segundo engadiu Darío Campos, o alicerce do que parte este novo plan de choque da universidade local é un alicerce firme e feito dos mellores materiais. De feito, o Campus de Lugo é recoñecido como un dos mellores en España segundo o U-Ránking e atesoura grande prestixio internacional. Ademais, sinalou, “Lugo salienta pola súa calidade de vida e polo bo acoller de todos os lucenses, como así o apuntan 9 de cada 10 estudantes da universidade local”.
Viaño Rey, pola súa banda, agradeceu o apoio do actual presidente da Deputación, fixo un percorrido polos principais fitos acadados ao longo desta recente cooperación e avanzou algúns dos principais fitos vindeiros. Entre os principais logros atópanse os seguintes: o plan de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do Campus (que conseguiu aumentar a taxa de ocupación nas titulacións de grao, pasando dunha taxa do 62,9% no 2014 ao 70,5% na actualidade), o plan de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda no Campus Terra (a través do que acadou un medre do 3% no número de estudantes de novo ingreso en titulacións de grao), o plan de captación de estudantes doutras nacionalidades para as titulacións do Campus Terra (cunha cifra de alumnos doutros países que se sitúa en 1.143), o impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías (que deu como resultado a contratación dun técnico para o estudo eTerra) ou o pulo á divulgación científica (coa posta en marcha do Máster en Produción de Leite, o Simposio Nacional de Enxeñaría Hortícola ou o uso de drons e satélites en agricultura).
A Deputación de Lugo e a USC fortalecen a enerxía innovadora do campus local
Compartir Este Artigo

