Este martes presentáronse en Ourense as metodoloxías e obxectivos dun grupo de traballo directamente encamiñado a velar, dende Internet, polo bo funcionamento das nosas administracións locais, facendo especial fincapé nos parámetros relacionados coa eAdministración (goberno dixital, participación cidadá, transparencia, axilidade, eficiencia e seguridade nos trámites). Estamos a falar do Observatorio Municipal Galego. Na súa presentación, na que tamén se deu a coñecer o Informe Rede Localis, participaron Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Santiago Lago, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Grupo Gen, e Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis. O observatorio é froito do convenio de colaboración asinado en febreiro deste ano entre a Deputación e o Grupo Gen.
Sobre o Informe Rede Localis. Organización e financiamento de servizos municipais, coordinado por Mª Concepción Campos e Roberto Fernández, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo salientou que é “un documento cun enfoque moi plural” sobre o municipalismo, abranguendo as reflexións de quince expertos que abordan outros tantos “temas relevantes”, desde o financiamento ata a fragmentación local.
Sobre o Observatorio Municipal Galego, Lago subliñou que ofrece “unha radiografía en tempo real e online” das contas dos concellos galegos. O organismo difunde na Rede, na web de seu (observatorioredlocalis.com), datos pormenorizados sobre economía e fiscalidade local nos 313 concellos galegos. A ferramenta permite consultar “en que se gasta, canto se gasta, para que se gasta ou canto se ingresa e as principais partidas de ingresos a nivel municipal”. Ademais, na súa páxina web é poible facer comparacións por tamaño municipal ou de ámbito provincial. Por último, o observatorio fai públicas periodicamente notas nas que analiza en detalle algún aspecto de interese en relación cos datos que manexa.
En marcha un observatorio online para velar pola transparencia dos nosos concellos
Compartir Este Artigo

