A aplicación móbil que ofrece información en tempo real das distintas rutas do Camiño de Santiago en Galicia superou no último ano as 13.000 descargas, o dobre das que se rexistraran o ano. Con versións para iOS e para Android, a aplicación móbil está dispoñible en galego, castelán e inglés, e estase a consolidar como unha das ferramentas deste tipo máis descargadas de Turismo de Galicia.
Os usuarios poden consultar información de utilidade como o trazado, a descrición, fotografías e datos sobre os diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos previstos nos diferentes concellos. Ademais, ten acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.
Xunto á aplicaciòn móbil, no ano 2017 tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a AMTEGA. No caso da páxina web caminodesantiago.gal, a curva de crecemento mantívose constante en todo o ano, con preto de 250.000 sesións de usuarios que visitaron máis dun millón de páxinas, o que supón un incremento de máis dun 20% con respecto a 2016.
En relación ao uso que os usuarios fan da páxina, na que se recollen todos os aspectos precisos para descubrir, preparar e planificar a ruta xacobea medrou a duración media da sesión de visita, ata alcanzar máis de 5 minutos por persoa, o que demostra o interese dos contidos amosados. Por países, tras España, a páxina web recibiu visitas de Portugal, Estados Unidos, Italia, Arxentina, Alemaña, Brasil, Francia, México ou Reino Unido.
Grande incremento das descargas da aplicación móbil do Camiño de Santiago
Compartir Este Artigo

