O potencial dos satélites e dos vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) en agricultura (optimizando producións e plans, mellorando a xestión e o seguimento) vai ser unha das grandes cuestións a debater na terceira edición do Simposio Nacional de Enxeñaría Hortícola que se organiza no Campus de Lugo (USC) os vindeiros 21, 22 e 23 de febreiro. A cita, que se desenvolverá na EPSE (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), vén da man do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da EPSE, en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH). O simposio contará coa presenza de expertos no uso dos drons e dos satélites no ámbito da gandaría e do agro, que achegarán diferentes puntos de vista a través dunha interesante serie de relatorios.
Na primeira das xornadas, presentaranse os avances levados a cabo polo Polo de Innovación Dixital no Sector Agroalimentario, por parte do xestor de Innovación e Transferencia do Campus Terra, José Roberto Lamas Pérez, e Marcos Pérez, en representación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Os relatorios Futuro da agricultura de precisión, a cargo de Ricardo Braga do ISA-Lisboa; O Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) como Organismo Público de Investigación, de Bartolomé Marqués Balaguer, subdirector de Sistemas Aeronaúticos do INTA; e As ICTS e o CIAR, a cargo das técnicas do proxecto CIAR, Ana Corrales e Neves Seoane, completarán as intervencións desta primeira xornada que se culminará cunha recepción no Concello de Lugo.
Na segunda xornada, celebraranse varios obradoiros técnicos, impartidos por persoal especializado de empresas privadas e investigadores que facilitarán o achegamento dos asistentes aos produtos que se atopan no mercado fóra de Galicia. Os relatorios Aplicacións de drons e satélites na xestión de cultivos en clima árido, a cargo de Diego Intrigliolo (CEBAS-CSIC); e Avances en gandería de precisión e smart farming: o futuro faise presente de Jesús Pomar da Universidade de Lleida completarán a quenda de mañá. Xa pola tarde, María Jesús Gutiérrez de la Cámara, abordará a teledetección no INTA, onde dirixe o Departamento de Observación da Terra e a Atmosfera; e Jean Charles Samalens de Telespazio analizará os avances máis recentes dos satélites na agricultura de precisión. Ademais, celebrarase tamén en quenda de tarde, unha mesa redonda, liderada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en relación co futuro dos drons e satélites na agricultura.
Na derradeira xornada levarase a cabo unha visita técnica as instalacións da Granxa de Recría Gayoso Castro, xestionada pola Deputación Provincial de Lugo, e situada no concello de Castro de Rei; así como ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial-INTA.
O que poden facer os drons e os satélites polo agro, a debate no Campus de Lugo
Compartir Este Artigo

