ViaGalicia, a aceleradora do Consorcio da Zona Franca de Vigo, celebrou hoxe en Lugo unha xornada (DemoDay) para esculcar as posibilidades (moitas) de mercado cada unha das iniciativas aceleradas na vertente norte de ViaGalicia (vertente que vai pola súa terceira edición e que está a ser xestionada pola Fundación CEL). Na xuntanza déronse cita unhas oitenta persoas. A sesión, máis en detalle, serviu para para que cada un dos proxectos que participaron e remataron con éxito a fase de academia do programa (moitos deles proxectos directamente dixitais ou apoiados no uso das novas tecnoloxías) se presentasen por vez primeira e de forma pública da man das persoas que os puxeron en marcha.
Foron xeiras de presentación breves, en formato elevator pitch, desenvolvidas perante o comité técnico da aceleradora (CZFV, GAIN, Xesgalicia e Vigo Activo) e as entidades colaboradoras do mesmo, así como ante observadores convidados do ecosistema galego de emprendemento. A xornada terá continuidade este sábado na sede de ViaGalicia en Vigo.
Os DemoDays servirán, en última instancia, para que o comité técnico cualifique cada proxecto e seleccione, de entre os 40 participantes iniciais nas dúas fases de academia celebradas en Lugo e Vigo, os 15 como máximo (en total, de ambas as sedes) que pasarán á última fase do programa, a de aceleración, onde xa recibirán unha proposta formal de financiamento por parte da Xunta e o CZFV, en forma de préstamos participativos e subvención a fondo perdido, e máis formación e titorías.
Entre os proxectos que superaron a fase de pre aceleración ou academia con éxito atópanse:
· Besherpa (TIC/Turismo), ferramenta en liña para venda de escapadas de aventura recomendadas por usuarios reais, dirixida a xente sen tempo para planear o seu tempo libre.
· Bisquato (Agroalimentario/Pesca), taller lácteo artesanal adicado á produción de queixos (pasta branda e cortiza lavada) e á súa comercialización, transformando leite galego en produto de alto valor engadido.
· CC Datos (TIC/Industria 4.0), deseño, produción e comercialización de produtos e servizos para o seguimento de procesos utilizando tecnoloxías de fonte aberta (open source).
· Exclusive Cellar (Enerxía, recursos naturais), adegas domésticas para conservación e goce do viño activadas mediante intercambiadores xeotérmicos aire-terra 100% autosuficientes e sustentables.
· Emérita Legal (TIC/Legaltech) Comparador cualitativo de avogados. Permite aos usuarios atopar o mellor avogado para o seu caso, baseado en datos públicos de millóns de resolucións xudiciais para coñecer de maneira obxectivo a taxa de éxito dos avogados.
· Experiencias del destino (TIC/Turismo), plataforma en liña de produtos turísticos e de lecer (experiencias); aplicados en tempo real, para todo tipo de público e en todas as provincias de España.
· A Gran Faba (Agroalimentario/Pesca), comercialización da faba de Lourenzá e produtos de quinta gama.
· Legalmit (TIC/Legaltech), servizos para avogados que permite a dixitalización das tarefas dun bufete. Celebración de acordos legalmente vinculantes mediante videoconferencia que funciona como firma dixital avanzada. Transformamos o MP4 da videoconferencia en PDF.
· LudoApp (TIC/Educación), aplicación móbil orientada á educación das crianzas dunha maneira divertida e coa que aprenden de forma natural, a esforzarse, valorar as cousas e a ser máis autónomas mediante a gamificación das relacións entre pais e fillos.
· Noukee (TIC/Industria 4.0), solución de Internet das Cousas (IoT), software e hardware, de control de accesos e seguimento de activos da industria de forma segura, sen necesidade de conexión a Internet.
· Netfeeling (TIC/comercio), servizos avanzados para sector retail (grandes comerciantes polo miúdo, franquías, etc.), achegando a creación de programas de mantemento no tempo de clientela, e servirse das opinións e a bagaxe xerada polos usuarios para segmentar e obter a percepción de valor do cliente dunha forma altamente precisa e pouco intrusiva.
· Orballo, té de Galicia (Agroalimentario/Pesca), produción e comercialización do primeiro té ecolóxico certificado e producido en Europa que poida ofrecer ao consumidor un sabor propio, unha orixe única e as garantías de produción que esixe a normativa europea tanto a nivel laboral como sanitario.
· Osigris (TIC/Agroalimentario) é unha startup de agricultura de precisión, baseada na utilización de SIX (Sistemas de Información Xeografía) e na mellora da precisión para aumentar a cantidade de datos que se poden recoller de calquera cultivo. Como resultado obtense unha mellor resposta ás incidencias e un maior coñecemento dos datos de cada parcela.
· RocketForms (TIC), software-servizo enfocado na xeración de formularios en liña e a súa integración de forma sinxela en calquera web para a validación, captura e priorización de leads ou potenciais clientes que logo se integran noutras aplicacións para axilizar o procesameento da información.
· SCS Logistics, servizos B2B de aluguer, desenvolvemento e xestión 360º de embalaxe industrial reutilizable.
· SmartWood (TIC/Agrícola-Forestal) é a plataforma de apoio á decisión dentro do ámbito das parcelas rurais. Propietarios e empresas poden obter a información crítica para pór en valor as súas parcelas agrícolas e forestais de xeito sinxelo e cómodo, así como contratar os traballos relacionados con esas producións.
· Tidyant cloud utilities (TIC/Outros servizos), solución dirixida a empresas e servizos técnicos. Xestiona, automatiza e optimiza os procesos rutineiros de postventa. Utiliza os dispositivos móbiles como canle de comunicación cos clientes.
· Tractus (TIC/agroalimentario), ferramenta para a xestión integral do proceso produtivo e de elaboración en empresas alimentarias, desenvolvido nativamente en web, cun manexo cómodo, visual e fluído. Permite un manexo doado dos distintos pasos na transformación de alimentos, a través dun computador/móbil/tableta, non só por unha programación pensada nun manexo moi visual, senón tamén pola instalación de controladores para control de procesos e recollida de información que é tratada automaticamente por Tractus.
Os proxectos seleccionados de Lugo e Vigo que pasen a aceleración terán acceso a un financiamento de ata 125.000 euros para lanzamento. En total, ViaGalicia mobiliza nesta edición ata 1.875.000 euros de financiamento para emprendedores, entre préstamos participativos e achegas a fondo perdido. Desde a Fundación CEL destácase que é, por tanto, “unha gran oportunidade para os emprendedores seleccionados, non só polo acceso a financiamento senón tamén e sobre todo pola evolución positiva e maduración que experimentan as empresas participantes”.
Os proxectos de ViaGalicia Lugo luciron potencia innovadora
Compartir Este Artigo

