Cando o mundo aínda está a recuperarse do impacto do abuso da plataforma de aplicacións de Facebook por parte de Cambridge Analytica destapan un tratamento de datos persoais de usuarios moito peor, xa que desta volta é a aplicación para facilitar o contacto entre homosexuais Grindr a que compartía con outras dúas compañías información dos seus usuarios, incluíndo detalles tan críticos como se están infectados polos VIH.
Grindr ten actualmente máis de 3,6 millóns de usuarios en todo o mundo, e non estaría a ter moito tino co manexo da súa información, xa que remitía a Apptimize e Localytics datos dos usuarios como a información do GPS, o identificador do teléfono, o correo electrónico e se estaba infectados polo VIH (xunto coa data da última proba realizada), o que sería información sumamente sensible. Os analistas que destaparon esta práctica aseguran que se trata directamente de incompetencia por parte dos desenvolvedores de Grindr, que mandan aos seus socios directamente toda a información dispoñible sen filtro algún. Estas compañías externas terías sido contratadas para optimizar o funcionamento de Grindr.
En Grindr recóllese a información sobre as probas do VIH porque a aplicación ofrece publicidade de balde aos servizos que realizan estas probas, e incluso conta cunha opción para lembrar aos seus usuarios que volvan facer as probas cada 3-6 meses, ou sexa, que o manexo desta información está ben intencionado, procurando así velar pola saúde e seguridade dos usuarios, pero tal información debería tratarse con moita cautela e incluso debería transmitirse cifrada para evitar a súa filtración, prudencia que non teñen dende Grindr.
Tras este escándalo, dende Grindr aseguran que deixarán de compartir a información sensible con terceiras compañías, só pola resposta do público, xa que non consideran que houbese risco ao ceder datos a Apptimize e Localytics, no que semella unha postura moi inxenua, como a que propiciou o abuso de Cambridge Analytica cos datos extraídos de Facebook.
Desvelan que Grindr compartía datos dos seus usuarios con outras empresas
Compartir Este Artigo
