Quen queira formarse nunha das industrias de meirande proxección e maior potencial creativo do noso tempo, os videoxogos, vai ter en Compostela unha boa oportunidade para facelo. Estamos a falar do programa Constrúe o teu Futuro. Videoxogos e emprendemento, organizado pola Cámara de Comercio en Santiago en colaboración (achegando financiamento) coa Cidade da Cultura de Galicia e a Fundación INCYDE a través do Fondo Social Europeo. A iniciativa arrinca o 16 de abril no Centro de Emprendemento do Gaiás e está especialmente dirixida a menores de 30 anos, preferente no paro e sen cursar actividades de ensino no presente. O obxectivo é achegarlles claves de valor para convertérense en emprendedoras/es do lecer dixital ou, simplemente, para ampliar coñecementos e capacidades.
A formación inclúe as principais disciplinas vinculadas á creatividade, innovación e tendencias dentro do mundo do videoxogo (produción de imaxe en 3D, desenvolvemento visual, efectos visuais ou simulación), modelos de negocio, dirección de proxectos, roles de equipo técnico e tecnoloxía, área de mercadotecnia (Google Analytics, SEO, SEM, Growth hacking), área xurídico-fiscal, finanzas e área de dirección de proxecto final.

A Cámara de Santiago formará en videoxogos a nosa mocidade
Compartir Este Artigo

