A Universidade de Vigo vén de facer reconto do acadado ata agora, en materia de participación, pola nova edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U, a terceira, que se celebra entre o 16 e o 18 de abril. Segundo fai saber a institución educativa galega, xa se inscribiron 1.200 demandantes de emprego (procedentes sobre todo de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa pero tamén doutros países europeos como Francia e Reino Unido, entre outros) e a previsión é acadar os 3.500 da anterior edición. Ademais, está previsto que concorran máis de 120 expositores, 30 máis ca en 2017. Destes expositores, 90 son empresas con necesidades de contratación de persoal, 17 son servizos/puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 12 son espazos de atención dos diferentes países participantes no ámbito da rede Eures.
A feira vén da man das universidades de Vigo, Porto, UTAD (Trás-os-Montes e Alto Douro) e a Universidade Católica Portuguesa – Oporto, en cooperación con IEFP / EURES Portugal e EURES Transfronterizo Galicia-Norte de Portugal.
Segundo informan as entidades organizadoras, a cita da vindeira semana será o primeiro gran acontecemento da fieira Finde.U no ano 2018, acontecemento que se completará cos eventos presenciais que terán lugar no mes de outubro: en Porto, os días 16 e 17, e en Vigo, o 23 e 24 .
En palabras de Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento, a feira permite a aquelas persoas egresadas que estean a buscar un emprego, “presentar a súa candidatura a ofertas de traballo e a oportunidades de investigación, coñecer empresas e/ou expertos no mercado laboral dalgúns países europeos e mesmo ser convidado ou convidada a entrevistas de tipo laboral”. A maiores, sinala, “as persoas participantes tamén terán á súa disposición un programa cunha ampla oferta de obradoiros e sesións informativas sobre competencias transversais e desenvolvemento persoal, emprendemento, empregabilidade a nivel europeo, así como presentacións de empresas e institucións sobre as súas necesidades de contratación de persoal”.
Polo que se refire a ofertas de traballo, xa se publicaron preto de 300, dando acceso a máis de 700 empregos. Porén, a maior parte das contribucións iranse publicando ao longo desta semana. “O perfil máis demandado é o tecnolóxico e o sanitario, pero, en xeral, búscanse profesionais cualificados en practicamente todas as áreas, sobre todo nos países nórdicos”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento, engadindo que a nivel internacional as ofertas chegan de países como Reino Unido, Bélxica, Alemaña ou Dinamarca. “Hai moita demanda de especialistas nas diferentes ramas do mundo da enxeñaría (mecatrónica, eléctrica, telecomunicacións…), pero tamén no da medicina, enfermaría e fisioterapia”, informa, incidindo na importante presenza de empresas do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), do turismo, da saúde e da alimentación.
Entre as firmas galegas que xa achegaran ofertas salientan nomes como Televés, con sede en Santiago de Compostela e máis de 800 persoas no seu cadro de persoal, e Vegalsa-Eroski, con máis de 200 puntos de venta, repartidos ao longo de Galicia, Asturias e Castela-León e 6.000 persoas contratadas.
A nova edición da feira virtual Finde.U terá 120 expositores, 30 máis ca en 2017
Compartir Este Artigo

