Facer comunidade arredor da tecnoloxía xeoespacial. Este é un dos grandes obxectivos do Atlantic Geospatial Day, unha iniciativa impulsada polo mestrado en Xeoinformática, e que tras celebrar as súas dúas primeiras edicións na EE de Telecomunicación, trasládase o vindeiro 27 de abril á Escola de Enxeñaría Forestal, no Campus de Pontevedra. Trala convocatoria atópase o profesor da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía Higinio González, coordinador do máster interuniversitario que imparten as universidades de Vigo e A Coruña e dunha xornada que abordará as misións Sentinel da Axencia Espacial Europea (ESA), o uso de tecnoloxías LiDAR no sector forestal e as aplicacións dos vehículos aéreos non tripulados na xestión do territorio.
Amais dun recurso formativo extra para o alumnado, tanto do mestrado como da dita Escola de Enxeñaría Forestal, a cita Atlantic Geospatial Day será tamén unha xornada dirixida “a investigadores e profesionais do sector, como a empresas e consultorías que traballan no eido forestal, na ordenación do territorio ou na enxeñaría civil ou incluso de informática”, engade González deste evento de balde, engadindo que o obxectivo central destas xornadas é incidir na “ampla variedade de ramas de coñecemento” que abranguen un conxunto de tecnoloxías “que se basean no posicionamento” e que comprenden desde o desenvolvemento de satélites e sensores para a adquisición de imaxes ao uso de navigadores con GPS, pasando polo tratamento e xestión dos datos en sistemas de información espacial. Tecnoloxías que, como engade o coordinador das xornadas, teñen múltiples aplicacións vinculadas ao territorio e a un sector, o forestal.
A primeira conferencia correrá a cargo do investigador da Universidad Politécnica de Valencia Luis Ángel Ruíz e centrarase na análise da estrutura forestal mediante a tecnoloxía LiDAR (Light Detection and Ranging), “un sistema que nos permite ver a xeometría das masas forestais”; mentres que a segunda achegará á EE Forestal a Helena Iglesias, do European Space Operations Centre (ESA/ESOC).
Presentar as misións realizadas pola axencia europea no marco do programa Copérnico é o obxectivo central dun relatorio que abordará a misión dos satélites Sentinel “adicados á observación da terra con fins medioambientais”, como explica González, engadindo que se trata de aparellos que poden achegar “unha información importante do territorio”, como tamén pode facer, a unha escala máis reducida pero con maior definición, vehículos aéreos non tripulados como os drons, eixo da conferencia de Federico Cheda, da empresa 3eData, quen falará de casos prácticos de integración de datos multiplataforma na xestión do territorio.
Os drons e as misións Sentinel centran o programa do Atlantic Geospatial Day en Pontevedra
Compartir Este Artigo

