O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración da xornada educativa STEMlab Galicia, onde destacou a oportunidade que supón este evento, a primeira feira que se celebra en Galicia destas características e na que participarán preto de 3.000 alumnos e 18 centros, para facer máis visibles os proxectos de ciencia e tecnoloxía, a creatividade e a capacidade de innovar da comunidade escolar galega.
A xornada contou coa presenza do astronauta Pedro Duque, quen estivo no transbordador Discovery e na Estación Espacial Internacional, que está hoxe «cos nenos e as nenas galegos que se están formando e que serán, sen dúbida, os líderes da Galicia de dentro de moi pouco tempo».
Galicia entrará na rede de oficinas de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) cunha delegación para o noroeste de España, que se abrirá nos vindeiros meses da man da Xunta e da Universidade de Vigo, e co obxectivo de fomentar as vocacións científicas. Con esta iniciativa a Comunidade sumará os recursos da ESA á vocación e a entrega do profesorado e ao potencial do alumnado. Non en van esta delegación significará mellor formación para os profesores; unha porta aberta para que os rapaces participen nos programas e concursos da axencia e a tradución dos seus materiais educativos ao galego.
Compromiso da Xunta coa formación científica e tecnolóxica
Ao respecto, o presidente recordou que durante o curso pasado, máis de 5.000 profesores se formaron en tecnoloxía e máis de 2.200 en robótica (programación en Arduino e Raspberry e impresión 3D). Máis de 5.000 rapaces tamén se forman na actualidade en robótica, programación ou identidade dixital; e 22.000 alumnos dispoñen xa dun kit de robótica, de impresión 3D e de computación maker.
Nos vindeiros meses a Xunta seguirá comprometida co impulso das vocacións científico-tecnolóxicas na educación pública galega, con iniciativas como a organización da Semana STEM, que se desenvolverá totalmente en inglés; a creación dunha rede de centros con especial interese nestas materias; e o desenvolvemento dos Espazos Maker, onde os estudantes poidan desenvolver a súas capacidades innovadoras.

