O Concello de Barreiros (Lugo) presentou hoxe unha iniciativa para estreitar a comunicación e a colaboración coa veciñanza a través dos teléfonos móbiles. Trátase da versión local da ferramenta de balde Liña Verde, un proxecto de participación cidadá, de ámbito estatal, inserido no ámbito das Cidades Intelixentes e os seus servizos. No acto, que se desenvolveu na aula CeMIT, estiveron presentes o alcalde, Alfonso Fuente, e os concelleiros de Medio Ambiente e Cultura, José Manuel Gómez Puente e Adela Rodríguez, respectivamente. O obxectivo da iniciativa, sinalaron, é achegar á cidadanía un xeito de comunicarse coa Administración local de maneira máis moderna e áxil.
Asemade, sinalaron que está habilitada a páxina web www.lineaverdebarreiros.com para facilitar o uso da ferramenta e espallala a nivel local, fornecendo información medioambiental para os veciños e permitirlles comunicar incidencias, e mesmo descargar a devandita aplicación.
O alcalde tamén sinalou que esta aplicación serve a maiores para que todos aqueles que a teñan descargada poidan recibir en calquera intre desde o Concello calquera aviso ou información sobre traballos a desenvolver ou sobre as incidencias nos bens públicos que poidan xurdir. “Trátase”, dixo, “dunha comunicación en dobre sentido, tanto desde os cidadáns ao Concello como desde o Concello aos cidadáns”.
Deste xeito, lembraron, Barreiros únese aos máis de 400 concellos que a nivel estatal dispoñen do servizo Línea Verde.
Barreiros únese aos concellos que tiran proveito da aplicación Liña Verde
Compartir Este Artigo

