O Concello de Lalín presentou esta semana unha nova iniciativa de promoción turística que se apoia directamente no uso das novas tecnoloxías, máis en concreto nos dispositivos móbiles das persoas ás que se dirixe a iniciativa. Trátase dunha ferramenta baseada na publicación dun novo folleto divulgativo a través do cal que se promoven percorridos por “puntos de especial valor do concello”. Con estes roteiros, dados a coñecer polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, acompañado dos técnicos de Turismo, José Luís Pájaro e José Antonio G. Sixto, non só se quere atraer visitantes de fóra senón tamén fortalecer a oferta de lecer que se pon a disposición da veciñanza.
Os Percorridos, así se fan chamar os itinerarios propostos, pódense facer nunha mañá ou nunha tarde en coche ou en bicicleta. A primeira edición dos itinerarios (a presentada esta semana) leva o título de Pedra e tempo, e convida a un itinerario “a través dos anos” pola zona de A Veiga, Muimenta, Cadrón, Parada, Alperiz e Goiás, “onde se pon de manifesto a relación que o ser humano tivo coa pedra dende o período megalítico ata o pasado recente no que os canteiros traballaron para construír casas e outras edificacións”.
Segundo fixeron sager os responsables do Concello, o visitante poderá descargar os contidos a través da web www.turismo.lalin.gal e, como novidade incorporada nesta ocasión, poderá acceder dende calquera dispositivo dixital á aplicación móbil My Maps de Google e ir percorrendo de maneira interactivo o mapa co percorrido e coa información dos diferentes puntos de interese polos que pasa.
Lalín propón percorridos turísticos co apoio dos dispositivos dixitais
Compartir Este Artigo

