O ano pasado, tras a operación de compra de Yahoo! por parte de Verizon, decidiuse crear unha empresa, Oath, para controlar os activos desta compañía e de AOL, o que inicialmente non tivo repercusións no funcionamento dos medios afectados pola creación deste conglomerado, aínda que era de prever algún cambio a medio-longo prazo como simple consecuencia da estratexia xeral da nova compañía. Temos así que unha medida que pillou por sorpresa ao sector tecnolóxico, xa que unha das principais publicacións dixitais e nivel mundial, Engadget, perde a partires de mañá dúas das súas edicións (as que están en alemán e español), de xeito que os contidos nestas linguas quedarán absorbidos pola edición global, manténdose polo momento as edicións de China, Xapón e Reino Unido.
Temos así que o 1 de maio Engadget en Español xa non terá novas publicacións, o que para algúns supón unha importante perda para a oferta de información tecnolóxica, xa que o medio era un dos grandes referentes para os hispanofalantes que gustaban non só de consumir contidos na súa lingua materna, senón tamén para ter unha visión máis local sobre novidades tecnolóxicas e non limitarse á perspectiva de editores de EE.UU., que en certoscasos ven os produtos e servizos dun xeito diferente.
Engadget en Español levaba 13 anos operando, sen limitarse a ser unha tradución da súa versión en inglés, e contando cun equipo de redacción que tamén cubría novas, facía análises de produtos e cubría eventos locais e internacionais con autonomía. O medio tiña unha boa acollida por parte do público, pero vendo como o seu peche coincide co de Engadget en Alemán pode facer pensar que Verizon quere afastarse de Europa, especialmente nun momento no que está a piques de entrar en vigor un novo regulamento de protección de datos que podería supor un impacto na explotación dos datos persoais dos usuarios dos medios afectados.
Engadget en Español bota o peche
Compartir Este Artigo
