A Fundación Telefónica e o Concello de Lugo formarán a 20 persoas en protección dixital. E farano a través do curso de ciberseguridade impulsado polas dúas entidades co obxectivo de fornecer aos asistentes de coñecementos e habilidades que lles permitan mellorar a súa empregabilidade a través “dunha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”, en palabras dos organizadores do obradoiro. Tras cinco meses de formación, do 28 de maio a finais de outubro de 2018, os vinte participantes poderán presentar os seus proxectos ante empresas tecnolóxicas do sector.
O itinerario formativo, que virará ao redor de temas como as técnicas de protección para infraestruturas, o emprego de contra-medidas, a aplicación de contornas seguras de programación ou o hacking ético, está dirixido aos lucenses de 18 anos ou máis e comezará o 28 de maio no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá (de 9:00 a 15:00 horas). Quen desexe inscribirse ou recadar máis datos sobre a actividade, pode facelo a través da web da Fundación Telefónica.
A Fundación Telefónica e o Concello de Lugo queren que este itinerario formativo “sirva de ponte entre os cidadáns lucenses a partir de 18 anos de idade, que terminasen os estudos da ESO, e as empresas autonómicas”. Neste sentido, o director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial de Fundación Telefónica, Joan Cruz, destacou que “era preciso desenvolver uns itinerarios formativos que fosen o nexo de unión entre a demanda real das empresas e o sistema educativo. En Fundación Telefónica ofrecemos ese apoio, para que os mozos lucenses poidan gozar da oportunidade de incorporarse verdadeiramente á sociedade”.
Cruz tamén engadiu, facendo reconto, que dende a súa creación en 2016, un total de 1.031 participantes continúan formándose en Emprego Dixital da Fundación Telefónica, “dos cales 532 xa atoparon emprego. Trátase dun programa de formación en competencias dixitais “que supón unha gran oportunidade polas alianzas establecidas con empresas e organizacións que precisan incorporar ao seu persoal persoal formado en tecnoloxía e desenvolvemento web”.

