O Instituto Tecnolóxico Galego está a levar o talento da nosa terra ao que sería o proxecto europeo máis relevante da actualidade en materia de almacenamento e xestión smart da enerxía renovable, o proxecto AGERAR. Os demais socios son a Universidade de Sevilla (coordinador); INTA, Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial; a Axencia Andaluza de Enerxía; a Axencia Rexional de Enerxía e Medioambiente do Algarve; a Universidade do Algarve; a Universidade de Évora e o INEGI, o Instituto de ciencia e innovación en enxeñaría mecánica e industrial. O programa de investigación comezou en maio do 2017 e en outubro de 2019 presentaranse os resultados.
Segundo ser fixo saber hoxe, nunha xuntanza dos responsables das entidades participantes no proxecto, AGERAR ten como obxectivo principal promover a eficiencia enerxética e os criterios de sustentabilidade en microrredes comerciais e residenciais, mellorando a xestión de enerxías renovables grazas aos almacenamentos smart e á utilización de Tecnoloxías de Información e Comunicación, as TIC.
No acto de hoxe estiveron presentes Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Carlos Calvo, director de ITG; Miguel Ángel Ridao, investigador do Grupo de Automática e Robótica Industrial da Universidade de Sevilla (coordinador do proxecto) e Santiago Rodríguez, director da área de enerxía de ITG.
Segundo explicou Carlos Calvo, “os socios do proxecto poremos en común o coñecemento e as instalacións experimentais, o que permitirá desenvolver accións específicas de I+D que ofrecerán información fiable aos entes rexionais responsables das políticas enerxéticas”. A partir de aquí, posibilitarase a creación de plans concretos para acadar máis eficiencia, máis sustentabilidade nos edificios, máis e mellor aproveitamento das renovables e mellores sistemas de almacenamento.
Pola súa banda, Ridao destacou que “en outubro de 2019 verán a luz os resultados deste proxecto de cooperación internacional, clave para o fomento no uso de microrredes de electricidade con fontes limpas e sustentables, que permitirá mellorar a súa xestión grazas a innovadores sistemas de almacenamento de enerxía e ao emprego de Tecnoloxías de Información e Comunicación avanzadas con algoritmos de control avanzado”.
O Instituto Tecnolóxico Galego traballa no proxecto europeo estrela para a xestión smart da enerxía
Compartir Este Artigo

