O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) informou a semana pasada dunha serie de incorporacións que nos tocan de cheo, tanto a quen fan este medio dixital como a quen o segue acotío. De feito, boa parte das novas inclusións no dicionario en liña son termos directamente relacionados coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e teñen en común, tamén, que son palabras en proxección e cada vez máis empregadas (algunhas, por desgraza, cada vez máis usadas). Palabras como ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia inclúense no novo paquete de entradas. Porén, tamén se introduciron outras como conectividade ou xestor.
Estes termos e as correspondentes definicións foron sancionados polo Seminario de Lexicografía da institución, que entre xaneiro e a primeira quincena de xuño revisou ademais, por orde alfabética, preto de 2.200 voces desta ferramenta de referencia da lingua galega. Neste mesmo período, as novas entradas, as novas acepcións en termos xa recollidos no Dicionario e os cambios nas definicións foron preto de 350.
Outros termos incorporados, amais da familia “ciber” son blogosfera, conectividade, ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelincuente e ciberdelito. Estas inclusións, segundo informa a RAG, responden ao obxectivo de ·ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. De igual xeito, o termo “nube” engade a acepción referida ao espazo de almacenamento virtual e recóllese xestor (a de comunidades como voz propia para o anglicismo community manager).
Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90, para designar o medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas.
A familia de termos relacionado coa ciberseguridade entra no Dicionario da RAG
Compartir Este Artigo
