O Clúster TIC de Galicia vai organizar este 28 de xuño cinco mesas de traballo arredor dos intereses principais do noso sector das novas tecnoloxías. A cita será no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela e insírese no marco da asemblea xeral ordinaria da plataforma empresarial. Nas sesións, os asociados poderán debater sobre algúns dos temas máis relevantes e de meirande proxección no eido das novas tecnoloxías da comunicación. Serán espazos físicos nos que, dende as 13:20 ata as 14:45 horas, os asistentes exporán o estado e posibilidades de participación e influencia do Clúster TIC.
Os asociados están convidados a formar parte deste evento previo á asemblea. Tamén se ofrecerá un xantar de networking de balde para os asistentes. A intención é que con estas sesións de traballo se poidan extraer conclusións de valor e utilidade, sentando os alicerces dun debate do que abrollen medidas que favorezan “o posicionamento do colectivo sectorial como referente”, sinala o Clúster.
Os temas que se tratarán en cada una das mesas de traballo son os seguintes.
· Mesa HUB de Innovación
Dentro do actual escenario de lanzamento de dous HUB de innovación por parte da Xunta de Galicia, analizarase o desenvolmento destas estruturas e tamén a posición do Clúster TIC nestas novas redes de fomento da dixitalización marcadas pola Comisión Europea. Os socios convidados a esta mesa son os seguintes: 3.14 Financial; Asigal, Atos, Ava, CESGA, Cinfo, Cloud Factory, ConfirmSign, LibreBit, EGATEL, Estratega, CITIC, Hacce, HPE, Idom, Igalia, Iterdata, R, RETEGAL, Sixtema e Tesla.
· Mesa Formación
Esta mesa ten como obxectivo informar de novas convocatorias públicas de apoio á formación de empregados. Tamén se busca propoñer melloras a convocatorias xa pechadas co fin dun maior aproveitamento do financiamento público á formación. Concorren Academia Postal, Softic, Clictic, Computer-3, CPEIG, Dos Espacios, Forensic & Security, Galicloud, Formación EGS, Imatia, Indra, Cleventy, Nolegaltech, People and Market, Inprosec, Serviguide, Sicom, Softwcare, Softwhisper e Streaming Galicia.
· Mesa Laboral
Ao fío do recente convenio colectivo estatal de empresas de consultoría e estudios de mercado e da opinión pública, esta mesa diríxese a elaborar un inventario de boas prácticas a establecer como recomendacións por parte do Clúster e que complemente o dito convenio. Nesta mesa os asociados convidados serán: Accentia, Abertal, Aitire, APDTIC, AGGETT, DataLawyers, Deza, Dinahosting, Intergal, Prosegur, Seidor, Itelsis, Satec, SIVSA, Tagen Ata, Plexus, Terravanza, Visual Publinet, Yourspace, Zadia Software e Zemsania.
· Novos recursos
Ante novas necesidades detectadas entre os asociados, búscanse medidas para incrementar as vocacións en carreiras STEM, tamén distintas estratexias para unha maior captación de recursos financeiros para proxectos innovadores e por último, ideas e medidas para a obtención de maior oferta de solo tecnolóxico. Os socios convidados a esta mesa son Altia, Bahía, Cafedered, Cai, Corunet, Deindo Ideas, Dimensiona, Windsock, Enxenio, Evelb, Everis, Sistemius, Desarrollo SEO, Igalia, Icarto, Macrotest, Redegal, Sicasoft, Tecalis e Wireless Galicia.
· Negocio
Segundo informa o Clúster, en reunións recentes coa administración pública propúxose á organización empresarial galega inventariar solucións e proxectos tecnolóxicos de aplicación na administración. Nesta mesa tratarase de catalogar ideas e solucións de aplicación de novas tecnoloxías a servizos públicos para presentarllas de maneira conxunta. Os socios convidados son Aldaba, Anubía, Appentra, Avansig, Councilbox, Enxendra, Imaxin Software, Ilux, Imagames, Inforhouse, Infonet, Ítaca, Muutech, Ozona, Queres, Scio Soft, Serinfer, Situm, Teimas, Telecon Galicia e Torus Software.
Tralo peche do debate, os asistentes estarán convidados a un xantar de networking que precederá á asemblea xeral ordinaria. Ao rematar a sobremesa arrancará a convocatoria, nunha primeira chamada ás 15:30 e nunha segunda ás 16:00. Tanto o evento de análise do sector como a reunión de asociados posterior terá lugar no auditorio da Biblioteca Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
O Clúster TIC celebra cinco mesas de traballo para visualizar os intereses das nosas empresas
Compartir Este Artigo
