A Deputación da Coruña desvelou onte os recoñecementos do Premio Rosalía de Castro, destinado a recoñecer o traballo ben feito na promoción da nosa lingua. Un dos galardóns, nesta novena convocatoria, irá dar á enciclopedia dixital galega, a Galipedia, que obtivo o premio na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción do noso idioma. Polo que respecta á modalidade de proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, nenez e mocidade, será para o grupo musical Pirilampo.
O xurado da novena edición do Premio Rosalía de Lingua, que se reuniu este mércores na Deputación da Coruña, estivo composto polas técnicas de normalización lingüística do Concello da Coruña e da Universidade da Coruña, Nuria Seoane Bouzas e Marisol Ríos Noia ademais de por Anxa González Refoxo, da AS-PG e Rosa Moreiras Cuñarro, da CTNL, como representantes dos proxectos gañadores na edición anterior. O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e actuou como secretaria a técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña, Dores Sánchez Alegre.
O xurado estimou que o grupo Pirilampo merece o Rosalía de Castro “pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre a xente miúda coa implicación das familias e das escolas”. Salientou asemade o seu esforzo por “achegar á nenez á realidade máis próxima dun xeito positivo, lúdico, moderno e divertido” e por “contribuír con novos materiais á socialización da infancia en lingua galega”.
Por outra banda, a Galipedia foi enxalzada por ser “un proxecto dinámico, amplo e en constante actualización que chega e implica a moitos e diversos sectores da poboación e que promove a visualización e o prestixio da nosa lingua, tanto dentro como fóra de Galiza”. O xurado valorou tamén que Galipedia sexa un “proxecto colaborativo, aberto á participación e caracterizado pola diversidade (xeográfica, de idade, de intereses, de xénero…)” ademais de ser unha iniciativa que “contribúe a divulgar o coñecemento desde unha perspectiva propia como galegas e galegos para transmitir a nosa visión do mundo e difundir a nosa realidade como pobo”.
Como lembraremos, o pasado ano o proxecto Apego e a AS-PG foron os gañadores do Premio Rosalía de Castro de Lingua.
A Galipedia e Pirilampo gañan o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña
Compartir Este Artigo
