
No paquete de melloras garantidas polo operador galego R, adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de Internet, figura unha suba da velocidade de conexión a Internet en 277 centros de servizos públicos, que abranguen xulgados, lonxas, albergues, oficinas de emprego, concellos e aulas CeMIT, entre outras. Segundo informou AMTEGA, “estas melloras comezarán de xeito inmediato e o operador prevé que estean rematadas en xullo do ano que vén”.
No que atinxe á telefonía móbil, entre os compromisos do operador Vodafone, adxudicatario do servizo, comprométese a manter as liñas de datos 4G con alta velocidade de 240 sedes de diferentes organismos públicos.
Outra das melloras previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono de 5.000.000 de mensaxes de texto (SMS) masivas, de balde, unha vez consumidos os 420.000 SMS do contrato actual. AMTEGA lembra que as mensaxes masivas están ligaasas á servizos da Administración dixital que se están a incrementar de xeito progresivo como as notificacións electrónicas a cidadáns e empresas.
A axencia tamén recorda que o actual contrato de telecomunicacións da Xunta, entrou en vigor en 2015, “conseguindo un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros para acadar importantes melloras e reforzar a rede corporativa, que proporciona servizo de Internet, telefonía fixa e móbil a 3.000 centros da Administración autonómica”.

