Para poder suplir as limitacións propias do tamaño do sensor das cámaras nos smartphones xurdiron as cámaras duais, pero esta tendencia pode forzarse, e así temos que o Galaxy A7 de Samsung terá unha cámara traseira tripla, o que abre novas posibilidades a este terminal de gama media.
Por unha banda o Galaxy A7 ten unha cámara de 8 Mpíxeles cun obxectivo grande angular de 120 graos, o que consideran que é o mesmo ángulo de visión que o ollo humano, facilitando así que poidamos tirar fotografías sen que se nos escape nada. Cando buscamos definición temos unha cámara de 24 Mpíxeles (con apertura f/1.7), que co apoio da cámara de profundidade consegue fermosos retratos empregando o desenfoque de fondo, aínda que a súa elevada resolución tamén pode aproveitarse para combinar 4 píxeles en 1, para poder xerar fotografías máis claras en contornos de baixa luminosidade. A todo isto súmaselle un optimizador de escenas intelixente, que realiza unha serie de axustes de color, contraste e brillo para conseguir imaxes óptimas ao instante.
Este novo móbil tampouco esquece os autorretratos, e a súa cámara frontal conta cun sensor de 24 Mpíxeles (con apertura f/2.0) e un flash LED axustable, sendo tamén capaz de desenfocar o fondo nos selfies e aplicar distintos filtros.
O Galaxy A7 conta cunha pantalla Super AMOLED de 6 polgadas cunha resolución de 2.220 x 1.080 píxeles, procesador de 8 núcleos a 2,2 GHz, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 512 GB, NFC, lector de pegadas dixitais lateral, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e batería de 3.300 mAh, que tamén presume de son inmersivo Dolby Atmos e carcasas en cores rechamantes (azul, negro, dourado ou rosa). Esta prevista a súa chegada ao mercado o vindeiro 11 de outubro.
O Samsung Galaxy A7 contará con cámara traseira tripla
Compartir Este Artigo

