O Centro de Investigación en Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía da Universidade da Coruña organiza este 24 de outubro unha xuntanza sobre ferramentas, plataformas, proxectos e solucións de vangarda e con vontade solidaria. O Encontro sobre Innovación Social e Innovación Tecnolóxica terá lugar no salón de actos do Campus de Ferrol a partir das 9:45 horas. Javier Echeverría, investigador no Centro de Innovación Social da Universidade do País Vasco, impartirá a primeira conferencia, Filosofía da innovación e valores sociais nas empresas.
Ás 12:00 horas intervirá Elena Castro Martínez, científica titular de Organismos Públicos de Investigación, adscrita ao Consello Superior de Investigacións Científicas, co relatorio Sistemas de innovación: Innovación no sector cultural.
As conferencias continuarán pola tarde, con Jorge Barrero, ás 17:00 horas, que falará de Innovación para un futuro máis humano. Barrero, director xeral da Fundación COTEC, foi director xeral do Gabinete da Ministra de Ciencia e Innovación de 2008 a 2012.
Valentín Fernández García, de Telefónica Open Future, actualmente asesor senior en innovación aberta, pechará o encontro ás 19:00 horas coa intervención Innovación aberta: a experiencia de Telefónica”.
Esta iniciativa está coordinada polo profesor Wenceslao J. González, do Departamento de Humanidades da Universidade da Coruña (UDC).
As novas correntes de innovación social, polo miúdo esta semana no Campus de Ferrol
Compartir Este Artigo

