A ICO, entidade reguladora para a protección de datos no Reino Unido, vén de impor a sanción de 500.000 libras esterlinas a Facebook pola súa seria infracción da lei de protección de datos polo escándalo de Cambridge Analytica, ao entender que entre 2007 e 2014 Facebook fixo un tratamento de datos irregular, ao facilitar aos desenvolvedores de aplicacións un acceso á información que nin estaba claro nin contaba co preciso consentimento informado, xa que permitía obter datos de amigos (ou sexa, información indirecta sen consentimento nin aviso).
Este fallo permitiu que se colleitasen datos de millóns de usuarios que se aproveitaron para, por exemplo, campañas políticas nos EE.UU., e a ICO tamén considera que cando Facebook foi consciente do problema tampouco tomou medidas contra as compañías que abusaron dos datos dos usuarios (e, de feito, tras coñecer os feitos en 2015 non lles cancelaron o acceso ata 2018, semanas despois de desatarse o escándalo).
Consideran que houbo máis dun millón de británicos afectados por esta filtración de datos, e por iso impoñen á compañía á máxima sanción posible coa lexislación aprobada en 1998, lembrando que de terse producido os feitos agora, co RXPD en vigor, a multa podería ter chegado aos 17 millóns de libras.
Facebook terá que pagar unha multa de 500.000 libras polo escándalo de Cambridge Analytica
Compartir Este Artigo
