Os usuarios de ordenadores de sobremesa de Apple que non gustaban dos iMac por mor de querer empregar unha pantalla diferente á integrada nos todo-en-un da compañía de Cupertino levaban 4 anos esperando pola renovación do Mac mini, equipo que por fin recibiu a actualización de rigor, que ao chegar tan tarde supón un incremento de potencia sen precedentes (funciona ata 5 veces máis rápido que o modelo anterior).
Os novos Mac mini poden equiparse con procesadores de 4 ou 6 núcleos (dende un Intel Core i3 ata un Intel Core i7), ata 64 GB de RAM, almacenamento SSD de alta velocidade (entre 128 GB e 2 TB), 4 portos Thunderbolt 3 (compatibles con USB 3.1 e DisplayPort), saída HDMI 2.0, 2 portos USB 3, gráfica Intel UHD Grahics 630, Gigabit Ethernet (con opción de Ethernet a 10 Gbps), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0… ou sexa, unha capacidade que deixa claro que o tamaño non é o que mide a capacidade deste impresionante ordenador que consegue ocupar só 19,7 x 19,7 x 3,6 centímetros e pesar 1,3 quilos.
Dado que a potencia non é mini, tampouco o é o seu prezo, e os Mac mini cun procesador Intel Core i3 de 4 núcleos, 8 GB de RAM e 128 GB de SSD custan 899 euros, mentres que o modelo cun procesador Intel Core i5 de 6 núcleos, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD chegaría ata os 1.249 euros. A versión máis completa, cun procesador Intel Core i7 de 6 núcleos, 64 GB de RAM, 2 TB de SSD e 10 Gigabit Ethernet tería un prezo de 4.969 euros, deixando claro que en equipos como este as aparencias enganan.
Vídeo de presentación dos novos Mac mini

