A finais do mes de agosto BlackBerry anunciou unha versión económica do seu smartphone KEY2, e dado que o terminal orixinal aínda non chegara a España semellaba que teriamos que agardar bastante pola súa versión LE, de aí que fose toda unha sorpresa que xa estea dispoñible en liña a nivel europeo.
O BlackBerry KEY2LE na súa versión con 32 GB de almacenamento ten un prezo de 399 euros, mentres que a versión con 64 GB de capacidade véndese a 429 euros, prezos moito máis asumibles que o BlackBerry KEY2, que custa 649 euros con 64 GB e 699 euros con 128 GB, o que resulta excesivo para un equipo cunhas prestacións propias da gama media.
A versión económica chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 836, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 256 GB que poden cambiarse en quente), pantalla de 4,5 polgadas (cunha resolución de 1.620 x 1.080 píxeles), cámara traseira dual de 13 + 5 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, radio FM, batería de 3.000 mAh con carga rápida por USB-C e un teclado físico QWERTY que integra un lector de pegadas dixitais. Un produto moi atractivo para os incondicionais dos clásicos smartphones de BlackBerry, que por fin pode adquirirse dende España.
Por fin pode mercarse dende España o BlackBerry KEY2LE
Compartir Este Artigo

