Nas plataformas de redes sociais existiron sempre bots que imitan ser usuarios reais para incrementar artificialmente as estatísticas de tráfico e audiencia, polo que é relativamente frecuente que de cando en vez se realicen grandes limpas que fagan desaparecer moitos destes usuarios falsos, deixando de manifesto que non son poucos os que pagan para falsear as súas audiencias e así poder aparentar ter unha grande comunidade detrás.
Dende Instagram a compra de seareiros e gústames converteuse nunha táctica bastante habitual, e aínda que a eliminación de contas de usuarios falsas é moi frecuente, recentemente detectaron que moitas contas estaban a incrementar artificialmente a súa audiencia empregando aplicacións de terceiros, ou sexa, que aproveitaban os permisos concedidos por usuarios verídicos para ter unha actividade falsa seguindo, comentando ou dando a gústame a certas contas, vulnerando directamente as normas do servizo.
Agora advirten publicamente destas prácticas, e aseguran estar a loitar para identificar os servizos que realizan estas malas prácticas, de xeito que algúns usuarios poden recibir estes días un aviso dando conta de que a súa conta estaba a ser controlada por un terceiro, pedindo tamén un cambio de contrasinal para manter a seguridade da conta de usuario afectada.
Cómpre advertir aos usuarios que ceder o control das nosas contas de usuarios en redes sociais a aplicacións de terceiros pode ser moi perigoso e, dado que moitas veces faise tal de xeito inconsciente (por exemplo, ao empregar algunha aplicación de filtros gráficos ou de estatísticas), é recomendable revisar os permisos que se conceden con certa frecuencia, revocando os permisos nos casos nos que consideremos que non é necesario que un terceiro teña acceso á nosa conta.
Instagram loita contra a actividade artificial dirixida dende aplicacións de terceiros
Compartir Este Artigo
