Aínda que a tecnoloxía de realidade aumentada aínda é incipiente, e poidamos pensar que desenvolvementos como as Google Glass ou as HoloLens son un fracaso, realmente estamos ante todo un sector emerxente que pode ser moi relevante no futuro, ou iso podemos entender se temos en conta os grandes investimentos que están a realizarse neste ámbito, como o contrato de 480 millóns de dólares que vén de conseguir Microsoft para subministrar prototipos de sistemas de realidade aumentada para misións de combate e adestramentos do Exército.
O contrato subscrito suporá a achega de máis de 100.000 cascos que pretenden que axuden a detectar, tomar decisións e anticiparse ao inimigo, xa que a realidade aumentada pode achegar ás tropas máis e mellor información para a toma de decisións no terreo.
Actualmente o Exército dos EE.UU. xa emprega as HoloLens de Microsoft nos seus adestramentos, pero o feito de que teñan previsto levar esta tecnoloxía ao terreo é un paso adiante moi importante. Até o momento esta tecnoloxía está aínda moi verde, e pese a que as HoloLens son un dos produtos líderes do mercado, apenas terían vendido ata o momento unhas 50.000 unidades, polo que falamos principalmente dunha solución de cara ao futuro.
Na súa aplicación militar, a realidade aumentada podería combinarse con sistemas de visión nocturna e térmica, para amosar signos vitais (como a respiración) e dado que amosa a información de xeito gráfico, tamén reduce a posibilidade de ser oído polo inimigo.
Polo momento espérase que Microsoft entregue 2.500 cascos de realidade aumentada nos vindeiros 2 anos, para probar as posibilidades desta tecnoloxía antes da súa produción masiva.
O Departamento de Defensa dos EE.UU. aposta pola realidade aumentada de Microsoft
Compartir Este Artigo
