A AMTEGA e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración e Xustiza veñen de pór en marcha o servizo de cita previa a través da Internet nos rexistros de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, de xeito que a cidadanía ten a disposición a cita previa nas principais oficinas de rexistro a través dunha páxina web na que reservar a data e a hora na que poden realizar as súas xestións. Só é preciso seleccionar a oficina, o trámite, indicar o número de follas que se van dixitalizar e cubrir os datos persoais que se solicitan.
Estes rexistros concentran máis do 50% da entrada de documentación na Xunta de Galicia e están equipados para dixitalizar os documentos que os cidadáns entregan en papel, iniciando así o expediente dixital dese procedemento, que se enviará en formato electrónico ao departamento responsable da súa xestión, reducindo tempos de espera e evitando perdas. Ese expediente dixital, almacénase no Arquivo Electrónico Único, onde estará accesible en liña dun xeito seguro e controlado por tanto aos empregados públicos como do propio interesado.
Con este servizo búscase evitar esperas innecesarias a aquelas persoas que optan pola tramitación presencial. Cómpre lembrar o incremento da tramitación online que no primeiro semestre deste ano situouse por riba da presencial.
Funcionario habilitado e reformulación das Oficinas de Rexistro
Aínda que o uso dos servizos dixitais está cada vez máis estendido, as xestións en liña non poden supoñer unha barreira para ningún cidadán na súa relación coa administración. Por iso entre as obrigas que establecen as Leis 39 e 40 está a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de Oficinas de Atención á Cidadanía, nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital.
En liña co anterior está a figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
A Administración do futuro máis inmediato busca ter unha visión integral do cidadán, que estea no centro de todo o proceso e que non sexa un actor máis. Conseguilo dará resposta a demanda da sociedade de ter ao seu alcance unha administración máis transparente, proactiva e con máis e mellores servizos.

