A pasada madrugada desvelouse un gravísimo fallo de seguridade na aplicación de FaceTime, a ferramenta para realizar chamadas de voz e vídeo de Apple, que permitía acceder ao micrófono e mesmo á cámara da persoa á que chamásemos sen que chegase a responder, para o que só había que engadirnos a nós mesmos a unha chamada en grupo.
Estamos ante un fallo que afectaba a dispositivos con iOS 12.1 ou superior, e que estaba a supor unha serie ameaza para a intimidade dos usuarios, por facilitar a escoita do micrófono da persoa á que chamemos sen o seu consentimento e, incluso habería un método (uníndose á conversa grupal dende outro dispositivo) que activaría a cámara, o que si sería unha clarísima intromisión na vida doutras persoas.
Dende Apple, mentres non lanzan unha versión actualizada da aplicación de FaceTime, optaron por solucionar o fallo dun xeito drástico: desactivando as chamadas en grupo de FaceTime a nivel de servidor, pechando así o camiño a través do que se accede ao fallo de seguridade da aplicación. O que si resulta indignante é que agora se saiba que o fallo de seguridade comunicouse a Apple hai 10 días e a compañía ignorou o avisos ata que saltou á prensa e fixo rebumbio nas redes sociais.
Os usuarios máis celosos da súa intimidade poden directamente desactivar a aplicación de FaceTime no seu dispositivo ata que o problema de seguridade se solucione (probablemente antes de rematar a semana).
Un fallo de seguridade de FaceTime permitía acceder ao micrófono e á cámara de calquera iPhone ao que chamásemos
Compartir Este Artigo
