A fiscal xeral do estado de New York, Letitia James, anunciou que chegou a un acordo co que prohiben a Devumi continuar coas súas prácticas de vendas de seareiros falsos, gústames e reproducións en plataformas de redes sociais como Twitter ou YouTube mediante o uso de actividade falsa dende contas falsas. Estamos ante unha actuación pioneira na persecución da venda de falsas interaccións en redes sociais, deixando claro que tanto estas prácticas como o roubo de identidades para falsear a actividade en liña é ilegal, cando menos en New York.
James, a primeira muller en ocupar a fiscalía xeral de New York, asegura que «bots e outras contas falsas operaban sen control nas plataformas sociais, frecuentemente roubando identidades de persoas reais para cometer fraude», e comprométese a seguir perseguindo a persoas e compañías que como Devumi fan cartos rápidos enganando e suplantando identidades.
Lembra que Devumi vendía actividade falsa en plataformas sociais, e en certas ocasións as contas falsas creábanse copiando imaxes de persoais reais sen o seu consentimento, ou sexa, suplantando a súa identidade, o que claramente é ilegal. Tamén destacan que é ilegal a venda de actividade para mellorar a reputación de persoas, produtos ou servizos sen indicalo abertamente, por supor unha fraude ao público, polo que confían en que as compañías cesen tamén este tipo de prácticas.
Devumi cesou a súa actividade a mediados de 2018, cando comezou a investigación da Fiscalía Xeral, o que provocou unha grande caída das súas vendas.
Vender gústames, seareiros e reproducións na Rede considérase fraude en New York
Compartir Este Artigo
