Dende Amazon levan anos emprendendo accións contra a práctica de mellorar a reputación dos produtos na súa tenda en liña a través de críticas fraudulentas, pero agora semella que este tipo de engano vai telo máis complicado, xa que a Comisión Federal de Comercio (FTC) dos EE.UU. vén de anunciar a súa primeira causa contra as críticas fraudulentas pagadas.
A causa en cuestión preséntase contra Cure Encapsulations, Inc. e o seu propietario, Naftula Jacobowitz, a quen denunciaron por mercar críticas falsas a través de amazonverifiedreviews.com para unhas cápsulas de extracto de garcinia cambogia (arbusto tamén coñecido como tamarindo malabar) para as que querían conseguir unha puntuación media de 4,3 sobre 5 para conseguir boas vendas. Para cumprir o obxectivo publicáronse numerosas críticas dándolle unha puntuación de 5 estrelas a este produto que promete suprimir o apetito para facilitar a perda de peso, pero estes comentarios mercados non só daban unha puntuación elevada, senón que tamén realizaban afirmacións claramente falsas e sen fundamentos, argumentando que o produto é moi efectivo e chega a bloquear a formación de graxa.
Dende a FTC reclaman que este tipo de produto non poida anunciarse como bloqueador de graxa, eliminador do apetito, facilitador da perda de peso ou válido para tratar algunha doenza, xa que non se trata de ningún medicamento probado, e ningunha das afirmacións que realizan na súa promoción conta con evidencias científicas e probas clínicas que as sustenten.
A FTC pretendía esixir xudicialmente unha sanción de 12,8 millóns de dólares, pero está aberta a un acordo económico moi inferior, pero en calquera caso supón toda unha chamada de atención ante un tipo de práctica moi frecuente nas tendas en liña, que confiemos en que disuada á súa perpetuación.
A FTC emprende accións contra críticas fraudulentas en Amazon
Compartir Este Artigo
