Pese a que durante anos MySpace foi o fogar na Rede de moitos músicos de todo o mundo, esta plataforma social foi perdendo pulo ata quedar na irrelevancia, e hai cousa dun ano a música almacenada na plataforma ata 2015 deixou de poder reproducirse, incidencia na que aseguraban estar a traballar ata que agora recoñecen ter perdida toda esa información, ou sexa, que nunha migración de servidores corrompéronse os ficheiros, perdéndose unha cantidade masiva de información.
Aseguran que toda a música subida a MySpace entre 2003 e 2015 teríase perdido para sempre, dando a entender que a compañía non mantén copias de seguridade dos seus contidos, e deixa os respaldos en mans dos seus usuarios, aínda que non faltan voces como a de Andy Baio, involucrado na creación de Kickstarter, quen sospeita que non estamos ante un accidente, senón ante a falta de interese por manter en liña 50 millóns de vellos ficheiros en formato MP3.
Este tipo de incidente debería chamar á reflexión, xa que algo semellante podería rematar acontecendo con Facebook, Instagram, Tumblr, YouTube… ou calquera outra plataforma en liña que hoxe semella sólida, pero que no tempo pode rematar no esquecemento, levando consigo os contidos achegados polos usuarios durante anos.
MySpace dá por perdidos millóns de ficheiros musicais
Compartir Este Artigo
