O equipo de UpGuard Cyber Risk está a dar conta da aparición dun par de grandes volumes de datos persoais extraídos de Facebook a través de aplicacións de terceiros, que continúan a deixar en evidencia o pouco control sobre a seguridade que ten a plataforma social de Mark Zuckerberg.
Por unha banda temos 146 GB de datos con máis de 540 millóns de rexistros recadados pola compañía mexicana Cultura Colectiva, que incluiría comentarios, gústames, reaccións, nomes de contas, identificadores de Facebook… información da que podería abusarse, como en anteriores filtracións de datos.
Logo, a maiores, atopouse unha copia de seguridade dunha aplicación que integra Facebook chamada At the Pool, e que contería numerosa información sobre a actividade de Facebook dos seus usuarios, e incluso os contrasinais empregados na aplicación, o que tamén podería ser un grande problema de seguridade, aínda que desta volta os datos corresponderían só a 22.000 usuarios e a aplicación levaría anos inactiva.
Os conxuntos de datos teríanse localizado nos servidores de almacenamento na nube de Amazon, e dende UpGuard remitiron varios avisos para advertir da exposición destes datos persoais e, aseguran que tras varias comunicacións a filtración de Cultura Colectiva non se asegurou ata hai poucas horas, despois de que dende Bloomberg contactasen con Facebook para coñecer a súa versión do acontecido (no caso de At the Pool o borrado da Rede da información si foi áxil).
Con este tipo de exposición o que queda claro é que a recompilación masiva de datos é un grande problema, e aínda que se tomen medidas tras as filtracións, o feito de que existan grandes coleccións de datos persoais sen o debido control é unha ameaza de seguridade para todos.
Atopan millóns de datos de usuarios de Facebook en servidores na nube de Amazon
Compartir Este Artigo
