Nos últimos meses era habitual ver nos medios de comunicación informacións sobre os litixios de patentes entre Apple e Qualcomm, repartidos por distintos territorios do globo e que estaban a desenvolverse con certa agresividade por ambas partes, de aí que sorprenda que agora anuncien un acordo entre as compañías a nivel global, así como un acordo para que Qualcomm subministre tecnoloxía a Apple durante os vindeiros 6 anos (prorrogables a 8).
Aínda que os detalles do acordo non se anunciaron publicamente, resulta evidente que Qualcomm é actualmente un referente no desenvolvemento da tecnoloxía 5G, e polo que puido saberse nos últimos meses, as compañías alternativas non eran quen de facilitar a Apple unha tecnoloxía comparable para que puidese lanzar un iPhone con 5G cando a nova xeración da telefonía móbil sexa unha realidade comercial, o que suporía unha grande desvantaxe competiva.
Aseguran que é moi tarde para que os iPhone de 2019 vaian contar con 5G, pero o feito de que en 2020 poidan estrear tal conectividade permitiría que Apple non quedase fóra de xogo, aínda que este novo escenario terá consecuencias negativas para o actual provedor de modems para os iPhone, Intel, que tras o anuncio do acordo entre Apple a Qualcomm lanzou un comunicado asegurando que ten previsto abandonar o negocio dos modem 5G para smartphones, asegurando que manterán os compromisos actuais na produción de modems 4G.
Apple fai as paces con Qualcomm para poder subir ao tren do 5G a tempo
Compartir Este Artigo
