O Concello de Lugo vén de facer balance da actividade xerada arredor do servizo Liña Verde, no que está integrado o municipio co obxectivo de resolver (a través do emprego dos móbiles e dunha aplicación do mesmo nome) as consultas medioambientais da cidadanía e axilizar o arranxo de incidencias no equipamento urbano do municipio. Segundo informa o Concello, preto do 90% das incidencias comunicadas a través do servizo foron solucionadas polo Executivo lugués dende a súa adhesión a Liña Verde dende 2013.
A tipoloxía das comunicacións recibidas, refírense, maioritariamente, a parques e xardíns, seguido de limpeza, recollida de lixo e sumidoiros.
Como dixemos, Liña Verde é unha ferramenta que o Concello ten posta á disposición da cidadanía para difundir as boas prácticas ambientais e para fomentar a participación cidadá. Para poder utilizala é preciso proceder á súa descarga, de balde, en Google Play ou na App Store, en función da tecnoloxía empregada no teléfono móbil (iOS no primeiro caso, Android no segundo).
Este servizo tamén está dispoñible a través da web www.lineaverdelugo.com ou mediante www.lugo.gal. Neste dominio, o usuario poderá facer consultas en materia de medio ambiente e tamén atopar unha ampla información sobre guía de boas prácticas, consellos ambientais e de aforro enerxético, reciclaxe, lexislación e recursos de educación ambiental, entre outros.
O Concello de Lugo resolveu 90% das incidencias achegadas a través da app Liña Verde
Compartir Este Artigo

