A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa un novo programa de apoios dotado con 3,8 millóns de euros para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade galego. A convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), céntrase na dixitalización, na mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, na expansión comercial e nas novas fórmulas de comercialización, ademais de no equipamento de ferramentas que melloren o produto final.
Entre outras actuacións, no eido dixital apoiarase a implantación e actualización de páxinas web comerciais e a contratación de servizos profesionais de xestión de redes sociais, a introdución de ferramentas de marketing 4.0 ou a implantación de ferramentas de xestión. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de maio.
A axuda directa máxima deste programa para os titulares de establecementos comerciais que leven a cabo actuacións de dixitalización poderá chegar a 21.000 euros. Tamén se poderán obter ata 15.000 euros para os proxectos relacionados coa imaxe física do local, 30.000 euros para expansión comercial e ata 33.600 euros para iniciativas relacionadas con novas formas de comercialización e equipamento. A intensidade da axuda, dependendo da actuación que se realice, pode chegar ata o 80% do investimento a realizar.
Destinan 3,8 millóns de euros en axudas para a modernización e dixitalización do comercio de proximidade
Compartir Este Artigo
