A marca galega R, integrada no Grupo Euskaltel, vai distribuír os seus servizos en toda España ombro con ombro con MediaMarkt. Esta liña de comercialización, que se desenvolverá en exclusiva, forma parte da estratexia de crecemento do grupo, moi centrado en afianzar o seu proceso de espallamento a través de novas alianzas. En termos concretos, os servizos da compañía de telecomunicacións achegaranse aos clientes potenciais nas 87 tendas que MediaMarkt ten en todo o territorio estatal, así como na web da marca.
Trátase dunha oferta converxente que inclúe Wi-Fi premium, unha oferta de telefonía segundo as necesidades do cliente e servizos de televisión a través do seu descodificador 4K Android TV con 80 canles e a plataforma Netflix integrada.
Esta oferta, á que se engaden os trebellos conectables de MediaMarkt (teléfonos intelixentes, Smart TV, gaming e obxectos conectados), comercializarase baixo a marca R en todo o territorio nacional, amais de na páxina web de MediaMarkt. Segundo informou Euskaltel, “a posta en marcha deste proxecto será gradual e comezará coa apertura do servizo en 15 establecementos en xuño ata alcanzar as 87 tendas en setembro”.
A maiores do devandito, o acordo contempla outros vieiros de colaboración, como por exemplo o fornecemento dunha canle especializada para empresas, un plan específico para os usuarios de iPhone e vantaxes exclusivas para os clientes do Grupo Euskaltel e o Club MediaMarkt. Para dar servizo aos seus novos usuarios, o operador contará coa cobertura de Orange na súa rede de fibra, que, segundo lembra o grupo, proporciónalle un potencial para chegar a ata dez millóns de fogares en toda España.
Os servizos de R serán distribuídos nas tendas de MediaMarkt
Compartir Este Artigo

