Hoxe presentouse en Lugo unha nova edición (a sétima) do campamento científico da Universidade da Santiago, no que van participar 150 estudantes, formándose en materias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e, sobre todo, divertíndose mentres adquiren todo tipo de coñecementos. A iniciativa, que se desenvolverá baixo o epígrafe Fago, logo aprendo! celebrarase do día 1 ao 5 de xullo. Das 150 prazas devanditas, un centenar serán para estudantes novos e 50 para quen participou en anteriores edicións. A iniciativa foi presentada pola Deputación de Lugo, o Concello e a USC.
O deputado Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presentaron este luns no edificio de Vicerreitorías a VII Edición do Campamento de Verán XuvenCiencia, un campamento dirixido ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, no que tamén poden participar rapaces e rapazas de 2º de bacharelato que xa participaran en anteriores edicións. No acto de hoxe tamén interveu a coordinadora deste campamento científico, Mercedes Novo.
O Deputado salientou que “é moi importante achegar aos rapaces a este tipo de actividades, que fomenten o seu interese pola actividade científica, que é un motor da sociedade e do seu desenvolvemento, por iso o programa inclúe actividades como a creación de vídeos contra o ciber-acoso ou contra os estereotipos de xénero”.
O programa divídese entre as actividades comúns, as que son para o alumnado novo e as dirixidas aos estudantes veteranos. Polas mañás visitaranse centros e institucións colaboradoras polas mañás, durante as que os rapaces participantes deberán elixir entre os obradoiros e proxectos que máis se adapten as súas preferencias, as tardes están dirixidas a unha programacións máis lúdica como xincanas, visitas ou actividades musicais grazas ao programa Lumieira Acompaña.
Chega a nova edición do campamento científico lucense Xuvenciencia
Compartir Este Artigo

