As empresas tecnolóxicas Altia (especializada en servizos avanzados de consultoría, desenvolvemento e mantemento de solucións TIC) e Plexus (centrada en servizos tecnolóxicos de alto valor engadido) veñen de integrarse no padroado do Centro Tecnolóxico Gradiant. A formalización dos acordos de adhesión levouse a cabo a semana pasada, e sumouse á incorporación de Pescanova e FINSA ao consello empresarial de Gradiant. Ademais, en datas vindeiras o centro tecnolóxico galego dará a coñecer novas integracións de “empresas de renome e prestixio a nivel estatal”.
Segundo fixo saber Gradiant, “a adhesión destas empresas chega nun intre clave para nós, un intre no que apostamos por afianzar e potenciar a nosa orientación cara ao sector empresarial e á mellora da competitividade da industria galega, a través do traballo conxunto nos tres ámbitos nos que o centro é experto: conectividade, intelixencia e seguridade.
En palabras de Luis Pérez Freire, director xeral do centro tecnolóxico, “Gradiant leva 10 anos impulsando a innovación do tecido empresarial galego e demostrando que desde Galicia pódese desenvolver tecnoloxía punteira e de referencia en todo o mundo. O apoio que vimos recibindo das empresas, grandes e pequenas, está baseado nunha relación de contribución mutua e esa confianza segue a medrar coa incorporación de novas compañías ao noso consello empresarial”.
No padroado, amais das devanditas adhesións, están presentes as universidades galegas, seis das compañías máis importantes do sector TIC que operan en Galicia (Arteixo Telecom, EGATEL, Indra, R, Telefónica e Televés) e a Asociación Empresarial Ineo, que á súa vez agrupa un gran número de empresas galegas do devandito ámbito.
Novas empresas referenciais galegas súmanse a Gradiant
Compartir Este Artigo

