As tendas de aplicacións para móbiles teñen catálogos tan inmenso actualmente que resulta moi complicado debullar as creacións que pagan a pena, de aí que se agradeza a existencia de premios para dar a coñecer o mellor que podemos ver cada ano. No caso de Google vén de publicar a relación de gañadores dos Google Play Awards de 2019, destacando as aplicacións e xogos máis salientables do último ano, repartidos en 9 categorías.
Temos así que a aplicación de benestar destacada sería Woebot: Your Self-Care, que pretende axudar a ter unha vida saudable e feliz; recoñécese como mellor experiencia de accesibilidade a Envision AI, que facilita unha maior autonomía para as persoas con eivas visuais ao recoñecer a persoas, describir escenas e ler texto en voz alta valéndose da cámara do móbil; Wisdo sería a aplicación con maior impacto social, ao facilitar atopar colectivos afíns cos que relacionarse (por exemplo, conta con grupos sobre ansiedade, maternidade, trastornos do sono, soidade ou mesmo acné); como xogo máis fermoso temos Shadowgun Legends, un xogo de rol e disparos cun apartado gráfico notable; Neverthink: Handpicked videos destaca como a mellor experiencia no salón, ou sexa, que está pensada para que varias persoas poidan gozar da mesma en compaña, achegando escolmas de vídeo para que sempre haxa algo interesante que ver (coa vantaxe de que a escolma dos contidos está realizada a man); a aplicación máis imaxinativa sería Tick Tock: A Tale of Two, un vídeoxogo de quebracabezas para 2 xogadores que deberán colaborar dende cadanseu dispositivo para solucionar os enigmas propostos; o editor Canva destacouse pola súa experiencia adaptada a numerosos mercados; a aplicación máis rompedora sería SLOWLY, que replica dende o móbil a experiencia de ter amizades por correspondencia; e como xogo máis rompedor temos Marvel Strike Force.
En calquera caso, cómpre advertir que os premios non recoñeceron unha única aplicación por categoría, senón que pode haber ata 5 aplicacións destacadas, de xeito que hai moitas xoias ás que botar un ollo, que van dende aplicacións de receitas ata aplicacións para coñecer ás últimas marcas de moda.
As mellores aplicacións para Android do último ano segundo Google
Compartir Este Artigo
