Este mes de maio, o centro de coñecemento La Molinera, será máis ca nunca un centro de divulgación tecnolóxica para as empresas: unha fonte de recursos para axudalas a abordar a súa adaptación aos novos tempos dixitais. Entre as actividades punteiras do centro de Ourense para este mes de maio salienta Progresa dixitalmente, unha iniciativa baseada na rede social Facebook para persoas de entre 18 e 30 anos (terán prioridade as desempregadas) que “desexen mellorar as súas competencias actuais ou adquirir novas ferramentas para o éxito profesional ou persoal dentro da economía dixital”.
Segundo informa o Concello, trátase da primeira que se imparte esta formación na nosa terra. O Goberno local tamén pon o foco na importancia de mostrar como tirar proveito da dita rede social e na relevancia de ligala ao tecido empresarial da cidade: “Asociar a imaxe de Facebook a La Molinera é un éxito da xestión e do programa formativo deste centro de coñecemento tecnolóxico”, sinala o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, engadindo que Progresa dixitalmente será impartido por Gdoce en colaboración coa Concellería de Emprego e Promoción Económica os días 14, 21, e 28 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas nas instalacións de La Molinera.
A formación será presencial, dentro dun proxecto que chegará a 12.500 persoas en toda España, e adaptada a cada participante. Para garantir os obxectivos de formación, haberá un formador por cada grupo de 30 participantes. O programa de formación basearase en seis módulos dos cales se impartirán 3 unidades de formación en cada un dos eventos.
Os eventos terán unha duración total de 4 horas que se estruturarán en bloques de 70 minutos con descansos entre cada un, de maneira que se poidan programar nunha soa xornada de tarde facilitando así a conciliación con calquera horario.
La Molinera amosará aos profesionais as múltiples e variadas utilidades de Facebook
Compartir Este Artigo

